arriba
Mércores, 18-Febreiro-2026

 

 
PortadaseparatorActividadesseparatorDinamización Lingua Galega


Dinamización Lingua Galega

"Os tres pés para.. un Suso

Retomamos a IX Festa das Letras Vivas, coa habitual mostra de propostas escénicas, musicais e culturais arredor da lingua galega que pasarán polo salón de actos até final de curso.

Desde o EDLG en colaboración coa Biblioteca, teremos no salón de actos a presentación do proxecto-disco "Os tres pés para.. un Suso", unha proposta musical do trío formado por RobertoSobrado, Pepe Constenla e O Leo e Arremecághona.

O concerto terá un dobre pase este xoves 12 de febreiro, ás 11:30 para os grupos da mañá e ás 16:00 para os grupos da tarde e terá unha duración aproximada de 70 minutos.

Como saberedes esta proposta está aberta á participación dos grupos de alumnado do CIFP Compostela que así o solicitedes. Facede a solicitude de participación co voso grupo ao correo do EDLG, que será rexistrada por orde de chegada até completar o aforo do salón de actos. A semana que seredes informadas/os aqueles grupos seleccionados.

XIII edición da Mostra do Entroido Galego

Neste curso celebramos a  XIII edición da Mostra do Entroido Galego que cada ano dedicamos a un dos entroidos galegos e que pretende dar a coñecer entre a comunidade educativa formada polos centros participantes (CEIP Lamas de Abade, CEIP Apóstolo Santiago, CEIP Pérez Viondi, EI A Raiola, Colexio ASPANAES, IES Lamas de Abade e CIFP Compostela) as diferentes manifestacións dos entroidos galegos.

A Mostra, que este ano dedicamos aos Galos da Mezquita (A Merca - Ourense) e a posterior ronda en comparsa polos centros de ensino, foi o venres día 6 de febreiro, particimapos: 

Facendo parte da Cofraría do Sr. Abade, a modo de cofrades e membros da procesión da Purísima Calidade.
Como Galos da Mezquita. Cada quen co seu propio traxe.
Contamos un curso máis con "Abadiño Son", grupo de música tradicional.

III Castañazo contra as violencias machistas

Este xoves 27 de novembro, no marco das actividades arredor do 25N Dia Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, celebramos con grande suceso unha nova edición do III Castañazo contra as violencias machistas no CIFP Compostela.

Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, a Comisión de Igualdade do CIFP Compostela e a Coordinación de Biblioteca queremos agradecer a implicación do profesorado e alumnado de Aloxamento e Lavandaría que desenvolveron o servizo para a degustación das castañas e o chocolate, de Educación Infantil cos xogos populares e de Integración Social que dinamizaron o posto da Biblioteca. Tamén ás integrantes do "Abadiño Son", que amenizaron con música esta nova edición que xunguíu festa e reivindicación.

Concurso de decoración de portas de Samaín 25/26

O alumnado de 2º curso do ciclo de Xestión de Aloxamentos turísticos de dual xeral, en colaboración co Equipo de Dinamización de Lingua Galega do CIFP Compostela organizamos un cursoi máis o CONCURSO DE DECORACIÓN DE PORTAS DE SAMAÍN

Consiste na decoración dunha porta de aula, das que teñades asignadas ao voso grupo, coa temática do Samaín pero seguindo as pautas:

1. Débense visitar os links que vos facilitamos nos que atoparedes información sobre a conexión do Samaín coa cultura galega. E será un dos aspectos a ter en conta na valoración das decoracións. Debe afastarse do coñecido como “Halloween” e transmitir a conexión con Galicia.

2. Pódese utilizar calquera material, pero será valorado positivamente o uso de materiais reciclados ou de refugallo. Exemplos: elementos da natureza, papel e cartón, plástico reciclado, teas, botes, pinturas, xornais, gomaEva, tapóns ou tapas, etc. E recomendamos absterse do uso de: purpurina, vidro ou confeti.

3. Para o concurso, só se terá en conta a decoración da porta, e non a de outros espazos (corredor, paredes, interior aula, fiestras, escaleiras…)

4. A idea da decoración da porta ten que mostrar a ENTRADA A UN LUGAR TENEBROSO de entre os que vos propoñemos nós:

a. Muíño
b. Cova Maldita
c. Porta ao Alén / Inferno / Averno
d. Casa Encantada
e. Torre Embruxada
f. Hórreo Perdido
g. Ermida con camposanto
h. Purgatorio

5. A decoración ten que incluir, nun lugar visible, un texto en galego de máximo 4 liñas, de presentación da mesma en forma de rezo / oración / responso ou conxuro que inclúa mínimo dous termos propios do Samaín que vos marcamos nós:

a. Samaín
b. Estadea
c. Santa Compaña
d. Lobisome
e. Procesión de Xás
f. Urco
g. Lavandeiras
h. Mouchos
i. Trasnos
j. Cabazas/Calacús
k. Castañas
l. Meigas/Bruxas
m. Sacaúntos
n. Home do Saco
o. Lavandeira
p. Barqueiro do alén
q. Calvaquiño
r. Ánimas.
s. Defuntos.

Un exemplo de este texto, sería: “POR ESTA COVA TRANSITAN AS ÁNIMAS ERRANTES DESTA CASA, BOTÁDELLE UN RESPONSO POLAS ALMIÑAS QUE ANDAN POR ELA" “POR ESTA COVA TRANSITAN AS ÁNIMAS DESTE CENTRO, ANDADE CON OLLO NON VOS LEVEN CON ELAS”

Os prazos do concurso témolos que adaptar ao módulo e á nosa dispoñibilidade. Poderían sufrir algún cambio se temos imprevistos.
Son as seguintes:

- TEMPO DECORACIÓN: luns 20 outubro - venres 7 de novembro incluídos
- DELIBERACIÓN XURADO: luns 10 novembro - ENTREGA PREMIOS/DIPLOMAS: mércores 12 novembro O xurado que avaliará as decoracións está formado polos 18 alumnos/as que formamos o grupo de 2º Xat dual xeral, xa que somos os organizadores do mesmo. E gustaríanos remarcar que seremos o máis transparentes, xustos e equitativos posibles, segundo as pautas que nós mesmos marcamos para participar no concurso.

Vaise valorar:

- Cumprir coas bases do concurso.
- A orixinalidade e a creatividade, fuxindo da idea de “Halloween americano”.
- O uso de materiais de refugallo e reciclados
- A calidade dos textos
- A coherencia da composición, evitando elementos postos ao azar, sen sentido no seu conxunto.
- Decoración comprensible, que transmite unha idea clara.
- Transmite atmósfera de misterio, curiosidade, terror
- Visualmente atractiva, evitando que esté moi sobrecargada.

Para facilitar a identificación das portas, deberíades poñer o nome do ciclo, curso e modalidade.

Sobre os premios, está previsto ter un premio grupal (de aula) para os 3 primeiros clasificados e un diploma personalizado para cada un dos participantes (ex.: “diploma á porta máis tenebrosa”). Agradecemos moito a vosa implicación e colaboración neste evento.

Queremos conseguir que se coñeza o verdadeiro Samaín galego, así que, por favor, axudádenos a converter o CIFP Compostela nun espazo cheo de encanto lúgubre e tenebroso por unhas semanas.

Calquera dúbida, estamos na aula 112 (edificio principal), preferiblemente os LUNS e MÉRCORES de 12.30 a 14.30 ou XOVES de 16 a 18h.

O folleto para que consultedes:

Obradoiro de baile tradicional con músicas de onte e hoxe que desenvolveu Mondra

O martes 21 o alumnado e profesorado dos Ciclos formativos dos Graos Básicos en Artes Gráficas, Cociña e restauración, Aloxamento e lavandaría, do Grao Medio en Impresión Gráfica e dos Graos Superiores en Educación infantil e Integración social participaron no “Obradoiro de baile tradicional con músicas de onte e hoxe” que desenvolveu Mondra no @cifp.compostela

Esta actividade, organizada polo @edlg_cifpcompostela e @caldodegloria a través da Biblioteca Escolar Solidaria, pretende estimular entre o alumnado a vivencia da música e o baile tradicional galego.

Para quen quedase con ganas de máis, lembrarvos que proximamente empezarán os ensaios do grupo de música tradicional do CIFP Compostela. O “Abadiño Son” xúntase unha vez ao mes no salón de actos para ensaiar. Estade atentas e atentos a partir de novembro!

 img#53824

"As cruces de pedra da Bretaña" de Castelao

Continuamos a celebrar o Ano Castelao.
Os equipos de biblioteca e dinamización da lingua galega, convidan a toda a comunidade escolar a visitar a exposición A Bretaña que hai en NÓS. "As cruces de pedra da Bretaña" de Castelao, na entrada principal do CIFP Compostela.

 img#12747

A derradeira leición do mestre

Desde o 12 e até o 16 de maio contamos cunha proposta do grupo Chévere arredor do cadro de Castelao "A derradeira leición do mestre". E o xoves 15 membros da compañía mantiveron un encontro co alumnado do CIFP no Salón de actos ás 11:30, onde o director de @chevereteatro Xesús Ron falounos do proceso creativo sobre a próxima obra da compañía arredor do cadro de Castelao "A derradeira leición do mestre" e de como construir a memoria colectiva e individual.

Grazas pola implicación do alumnado e profesorado nesta actividade.

Tedes á vosa disposición as obras de teatro da compañía na biblioteca.

 img#3747

“Unha ollada sobre Palestina”

Nas vindeiras semanas de maio, acollemos “Unha ollada sobre Palestina” exposición cedida pola plataforma Compostela x Palestina, sobre a vida cotiá palestina, o papel da resistencia, as consecuencias desta traxedia e a importancia das mulleres e das crianzas na súa sociedade.

O autor das imaxes, Hosny Salah, é xornalista e fotógrafo palestino. Co seu labor está a documentar e fotografar o sufrimento e a dor diaria da xente de Gaza.

Convidamos a que a visitedes nestas semanas.

 img#17835

📚🎭Día do Libro.

Celebramos o Día do Libro por todo o alto unha nova achega da programación da VIII Festa das Letras Vivas coa representación teatral "Da voz de Morgana".

🔮Este monólogo de Mónica Camaño está baseado na novela de Begoña Caamaño "Morgana en Esmelle", á vosa disposición na Biblioteca.

 img#71432

No mes de marzo, comezou a descarga de intervencións artísticas da VIII Festa das Letras Vivas no noso centro.

Nuria Vil presentou Delicuente

Fixémolo coa proxección do vídeo-poema "Delincuente" de Nuria Vil seguida dun interesantísimo coloquio coa escritora.

Ademais asinou exemplares do seu poemario "Simún" que xa tedes á vosa disposición na biblioteca do centro e agasallounos cunha foto para o noso particular álbum do mural das nosas familias profesionais "En galego tratámonos ben" da artista Ana Santiso.

Grazas mil Nuria Vil!

 img#71208

XII Mostra do Entroido.  Folión de Mormentelos

Esta XII edición foi dedicada ao Folión de Mormentelos de Vilariño de Conso, e contou coa habitual recepción no salón de actos polos Xenerais da Ulla, anfitrións cos seus vivas aos Boteiros, cargados das súas “bombas”, ritmos e danzas. Posteriormente, percorreuse os centros educativos da aldea de Lamas de Abade ao son do Folión de Mormentelos e o Abadiño Son.

Os días previos e posteriores á Mostra, contouse na entrada do CIFP Compostela cunha exposición cedida pola Asociación de Entroido de Angrois e máis outra sobre entroidos galegos organizada polo alumnado de 1º de Preimpresión Dixital. A Biblioteca engadiu ademais fondos relacionados. Estas exposicións foron dinamizadas polo alumnado de 2º de Aloxamentos turísticos para os escolares da zona;  alumnado de 2º de Integración Social puido explorar fórmulas de dinamización e participación con diversos grupos, así como o alumnado de 1º de Educación Infantil interactuar coas crianzas da EI Raiola e do CEIP Lamas de Abade.

 img#75927

Obradoiros da XII Mostra do Entroido:

XI Mostra do Entroido. Vilardevós

Participaron: O CIFP Compostela, CEEPR Aspanaes-Duques de Lugo, EI Raiola, CEIP Lamas de Abade, IES Lamas de Abade, CEIP Apóstolo Santiago, ), CEIP Pérez Viondi, A Estrada (Pontevedra), CEIP Plurilingüe Rodolfo Rodríguez Núñez, Vilardevós (Ourense)

A XI edición centrarase na celebración de Vilardevós e, alén de participar unha ampla representación dos centros da contorna, tamén acudirán profesorado e alumnado do CEIP Plurilingüe Rodolfo Rodríguez Núñez da localidade ourensá. A comitiva estará acompañada pola agrupación Abadiño Son, formación de música tradicional integrada por estudantes e docentes dos centros organizadores, e os Xenerais da Ulla, que farán de anfitrións dos Chocalleiros e Chocalleiras. Consluta o programa ticando na seguinte imaxe:

 img#22956

Entroidos de Lamas de Abade

A Mostra do Entroido Lamas de Abade iniciou a súa andaina no curso 2013/2014 e veu desenvolvéndose de xeito ininterrompido ata a actualidade. Ao longo deste tempo, abordou a tradición do Entroido galego desde perspectivas diferentes e xenuínas (os xenerais da Ulla de Couso-A Estrada, Viana do Bolo-Vilariño de Conso, Cobres-Vilaboa, Laza, Santiago de Arriba-Chantada, Verín, Bande, Arcos-Mazaricos, Lobios e Entrimo).

Para repasar a traxectoria da Mostra do Entroido axuntamos o enlace no que podedes visionar os materiais realizados nos Entroidos de Lamas de Abade dende o 2014:

 img#42026


XUNTA DE GALICIA, CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL

Ministerio Educación e Formación Profesional

Certificación do sistema de xestión de calidade. Actuación cofinanciada pola Unión Europea.