Prácticas formativas en empresa
A oferta de formación profesional do sistema educativo organízase polo tipo de oferta, modalidade e polo réxime, así no que se refire a prácticas formativas en empresa atopámonos tal e como establece RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2025/26.
Réxime:
- Xeral: cando a formación na empresa ou organismo equiparado teña unha duración a partir do 20 % da duración total das ensinanzas, nos ciclos de grao básico, e entre o 25 % e o 35 %, nos ciclos de graos medio e superior, e nos cursos de especialización.
- b) Intensivo: cando a formación na empresa ou organismo equiparado teña unha duración de entre o 35 % e o 50 % da duración total das ensinanzas. No réxime intensivo, a formación na empresa estará remunerada, ben a través dun contrato en alternancia ou ben mediante bolsa por formación.
Período de formación na empresa nos graos D en oferta ordinaria polo réxime xeral:
No primeiro curso:
a) A formación na empresa ou organismo equiparado no primeiro curso destas ensinanzas representará como máximo 80 horas nos ciclos de grao básico e 200 horas nos ciclos de grao medio e de grao superior. Con carácter xeral, no número de horas establecido anteriormente incluiranse as horas correspondentes ás reunións de titoría e seguimento da formación.
b) O alumnado poderá ser incorporado a este período formativo nos seguintes casos:
i. Que a persoa sexa maior de dezaseis anos.
ii. Que a persoa conte co certificado en Prevención de riscos laborais.
iii. Que existan prazas dispoñibles nas empresas cun perfil adecuado ao currículo do ciclo formativo.
iv. Que a persoa teña adquiridas as competencias profesionais necesarias para abordar con garantías as actividades formativas na empresa. Será o equipo docente o que tome a decisión do alumnado que poida ser incorporado, de acordo coas normas de organización, funcionamento e convivencia aprobadas polo centro docente.
c) O alumnado non incorporado ao período formativo na empresa seguirá coa súa formación no centro educativo, segundo o establecido no currículo correspondente a cada ensinanza e na Orde do 8 de maio de 2025 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2025/26 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
No segundo curso:
a) Nos ciclos formativos de grao básico a duración da formación na empresa será de 400 horas, e nos ciclos de grao medio e superior de 500 horas.
b) O alumnado poderá ser incorporado a este período formativo nos seguintes casos:
i. Que a persoa sexa maior de dezaseis anos.
ii. Que a persoa conte co certificado de Prevención de riscos laborais.
iii. Que teña na segunda avaliación parcial cualificación positiva en módulos que supoñan como mínimo o 50 % do horario semanal.
c) Excepcionalmente, poderase:
i. Incorporar o alumnado á fase de formación na empresa que, non cumprindo o requisito do punto 3.b).iii., o equipo docente así o considere.
ii. Adiantar a realización dunha parte do período de formación na empresa ou organismo equiparado atendendo ás circunstancias específicas do sector, contando coa autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional.
d) Para o alumnado non incorporado á fase de formación na empresa, o centro educativo establecerá as medidas de organización precisas, coa finalidade de que o alumnado alcance as competencias profesionais necesarias para abordar con garantía as actividades formativas na empresa nun período posterior.
Organización da oferta modular dos grados D (Na oferta modular, no caso de matrícula por módulos individuais, tanto na modalidade presencial como na semipresencial, a distancia ou virtual):
b) Os módulos que figuran na distribución por curso dispoñible no portal www.edu.xunta.gal/fp, na epígrafe «Currículos», no primeiro curso de cada ciclo formativo, impartiranse totalmente no centro educativo.
c) Os módulos que figuran na distribución por curso dispoñible no portal www.edu.xunta.gal/fp, na epígrafe «Currículos», no segundo curso de cada ciclo formativo, realizaranse entre o centro educativo e a empresa ou organismo equiparado, reservando polo menos 500 horas para a formación na empresa, para o que se reducirá proporcionalmente a duración de cada módulo.
Exención da Formación na empresa ou organismo equiparado e o módulo de FCT (artigo sexto da RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 2025/26).
Consideracións xerais:
- Realizarase únicamente co alumnado que realice a súa formacón polo réxime xeral (a duración da formación en empresa estará entre o 25% e o 35%), polo tanto non procede a exención do alumnado que realice a súa formación polo réxime intensivo (formación en empresa estará entre o 35% e o 50%)
- Tanto para a formación na empresa ou organismo equiparado como para o módulo de FCT, a xustificación da experiencia laboral realizarase de conformidade co disposto no apartado 3 do artigo 177 do Real Decreto 659/2023
- A exención da formación na empresa ou organismo equiparado quedará recollida nos documentos de avaliación e non afectará as cualificacións dos módulos profesionais aos que pertenza os resultados de aprendizaxe compartidos entre o centro educativo e a empresa.
- A exención poderá ser total ou parcial, atendendo ás tarefas profesionais desempañadas e o seu grado de coincidencia cos resultados de aprendizaxe.
Requisitos:
Experiencia laboral mínima:
Graos D*: un ano ou o seu equivalente que se corresponda coa oferta formativa que curse.
Graos E: seis meses ou o seu equivalente que se corresponda coa oferta formativa que curse
*Nos graos D queda exceptuados da posible exención, ciclos de grado superior da familia profesional de Sanidade (ciclos dos que non ten oferta o CIFP Compostela).
O Xefe de Departamento de Relación con Empresas do CIFP Compostela: Jenaro Fieira Noya
O correo de contacto: relacionconempresas.cifp.compostela@edu.xunta.gal








