arriba
Martes, 11-Novembro-2025

 

 
PortadaseparatorNoticias-NovedadesseparatorNoticias-Novedades


edlg
Mércores, 22-Outubro-2025

Samaín. Concurso de decoración de portas 25-26

O alumnado de 2º curso do ciclo de Xestión de Aloxamentos turísticos de dual xeral, en colaboración co Equipo de Dinamización de Lingua Galega do CIFP Compostela organizamos un cursoi máis o CONCURSO DE DECORACIÓN DE PORTAS DE SAMAÍN

Consiste na decoración dunha porta de aula, das que teñades asignadas ao voso grupo, coa temática do Samaín pero seguindo as pautas:

1. Débense visitar os links que vos facilitamos nos que atoparedes información sobre a conexión do Samaín coa cultura galega. E será un dos aspectos a ter en conta na valoración das decoracións. Debe afastarse do coñecido como “Halloween” e transmitir a conexión con Galicia.

2. Pódese utilizar calquera material, pero será valorado positivamente o uso de materiais reciclados ou de refugallo. Exemplos: elementos da natureza, papel e cartón, plástico reciclado, teas, botes, pinturas, xornais, gomaEva, tapóns ou tapas, etc. E recomendamos absterse do uso de: purpurina, vidro ou confeti.

3. Para o concurso, só se terá en conta a decoración da porta, e non a de outros espazos (corredor, paredes, interior aula, fiestras, escaleiras…)

4. A idea da decoración da porta ten que mostrar a ENTRADA A UN LUGAR TENEBROSO de entre os que vos propoñemos nós:

a. Muíño
b. Cova Maldita
c. Porta ao Alén / Inferno / Averno
d. Casa Encantada
e. Torre Embruxada
f. Hórreo Perdido
g. Ermida con camposanto
h. Purgatorio

5. A decoración ten que incluir, nun lugar visible, un texto en galego de máximo 4 liñas, de presentación da mesma en forma de rezo / oración / responso ou conxuro que inclúa mínimo dous termos propios do Samaín que vos marcamos nós:

a. Samaín
b. Estadea
c. Santa Compaña
d. Lobisome
e. Procesión de Xás
f. Urco
g. Lavandeiras
h. Mouchos
i. Trasnos
j. Cabazas/Calacús
k. Castañas
l. Meigas/Bruxas
m. Sacaúntos
n. Home do Saco
o. Lavandeira
p. Barqueiro do alén
q. Calvaquiño
r. Ánimas.
s. Defuntos.

Un exemplo de este texto, sería: “POR ESTA COVA TRANSITAN AS ÁNIMAS ERRANTES DESTA CASA, BOTÁDELLE UN RESPONSO POLAS ALMIÑAS QUE ANDAN POR ELA" “POR ESTA COVA TRANSITAN AS ÁNIMAS DESTE CENTRO, ANDADE CON OLLO NON VOS LEVEN CON ELAS”

Os prazos do concurso témolos que adaptar ao módulo e á nosa dispoñibilidade. Poderían sufrir algún cambio se temos imprevistos.
Son as seguintes:

- TEMPO DECORACIÓN: luns 20 outubro - venres 7 de novembro incluídos
- DELIBERACIÓN XURADO: luns 10 novembro - ENTREGA PREMIOS/DIPLOMAS: mércores 12 novembro O xurado que avaliará as decoracións está formado polos 18 alumnos/as que formamos o grupo de 2º Xat dual xeral, xa que somos os organizadores do mesmo. E gustaríanos remarcar que seremos o máis transparentes, xustos e equitativos posibles, segundo as pautas que nós mesmos marcamos para participar no concurso.

Vaise valorar:

- Cumprir coas bases do concurso.
- A orixinalidade e a creatividade, fuxindo da idea de “Halloween americano”.
- O uso de materiais de refugallo e reciclados
- A calidade dos textos
- A coherencia da composición, evitando elementos postos ao azar, sen sentido no seu conxunto.
- Decoración comprensible, que transmite unha idea clara.
- Transmite atmósfera de misterio, curiosidade, terror
- Visualmente atractiva, evitando que esté moi sobrecargada.

Para facilitar a identificación das portas, deberíades poñer o nome do ciclo, curso e modalidade.

Sobre os premios, está previsto ter un premio grupal (de aula) para os 3 primeiros clasificados e un diploma personalizado para cada un dos participantes (ex.: “diploma á porta máis tenebrosa”). Agradecemos moito a vosa implicación e colaboración neste evento.

Queremos conseguir que se coñeza o verdadeiro Samaín galego, así que, por favor, axudádenos a converter o CIFP Compostela nun espazo cheo de encanto lúgubre e tenebroso por unhas semanas.

Calquera dúbida, estamos na aula 112 (edificio principal), preferiblemente os LUNS e MÉRCORES de 12.30 a 14.30 ou XOVES de 16 a 18h.

O folleto para que consultedes:



Mais noticias...

XUNTA DE GALICIA, CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL

Ministerio Educación e Formación Profesional

Certificación do sistema de xestión de calidade. Actuación cofinanciada pola Unión Europea.